Representación teatral de ‘O Meco. Unha lenda viva’ no Auditorio Municipal do Grove
O Auditorio Municipal do Grove acollerá do 15 ao 17 de maio a representación de O Meco. Unha lenda viva. Trátase dunha ambiciosa produción promovida pola Asociación Cultural Enxebre en colaboración coa Banda de Música do Grove. O espectáculo recupera unha das lendas máis emblemáticas da memoria colectiva grovense: a figura do Meco, símbolo de abuso de poder e resistencia popular.
A proposta parte da histórica obra O señor feudal ou: Quen matou o Meco?, do escritor Francisco Franco Calvete, considerada unha das primeiras zarzuelas en galego. A nova adaptación nace tras un intenso traballo de investigación histórica e revisión documental, recuperando a dimensión crítica e social da peza desde unha posta en escena contemporánea. A produción combina teatro, música en directo, recursos audiovisuais, iluminación dramática e unha escenografía transformable, nun espectáculo singular dentro do panorama cultural galego.
Un dos grandes atractivos da montaxe é a colaboración inédita entre o grupo de teatro Enxebre e a Banda de Música do Grove, que participa en directo con preto de 60 músicos sobre o escenario. A iniciativa inclúe ademais unha programación paralela arredor da memoria cultural do Meco e da identidade grovense, así como unha mirada social e de xénero que reivindica o papel das mulleres do mar. A estrea coincide tamén coa celebración das Letras Galegas, reforzando o valor simbólico dunha proposta que aposta polo teatro en galego, a recuperación patrimonial e a creación cultural comunitaria.
