O Meco. Unha lenda viva no Grove
O Auditorio Municipal do Grove acolle os días 13 e 14 de novembro, ás 20:30h, a representación de O Meco. Unha lenda viva, unha ambiciosa produción teatral promovida pola Asociación Cultural Enxebre en colaboración coa Banda de Música do Grove.
O espectáculo recupera unha das lendas máis emblemáticas da memoria colectiva do Grove: a figura do Meco, símbolo do abuso de poder e da resistencia popular. A proposta parte da obra histórica O señor feudal ou: Quen matou o Meco?, do escritor Francisco Franco Calvete, considerada unha das primeiras zarzuelas en galego, e ofrece unha nova adaptación baseada nun intenso traballo de investigación histórica e revisión documental.
A posta en escena combina teatro, música en directo, recursos audiovisuais, iluminación dramática e unha escenografía transformable. A Banda de Música do Grove participa en directo con preto de 60 músicos sobre o escenario, nunha colaboración inédita co grupo de teatro Enxebre.
