Eva Mejuto presenta o seu libro “Os fíos de Begoña” en Combarro
O ciclo de vermús literarios “Un Ronsel de Historias”, organizado pola Asociación Armadiña de Combarro, regresa na súa sexta edición tras catro anos de parón. Esta programación rica en actividades desenvolverase durante os meses de maio e xuño na Praza do Padrón ás 12:30 horas. No caso de mal tempo, os eventos trasladaranse ao local da asociación situado na Baixada á Chousa.
A primeira cita será o 17 de maio coa autora Eva Mejuto, quen presentará o seu libro “Os fíos de Begoña”, publicado pola editorial Xerais, en homenaxe á figura conmemorativa do Día das Letras Galegas deste ano, Begoña Caamaño. Este evento está dedicado integramente ao público infantil, e os nenos e nenas do CEIP de Chancelas serán os protagonistas e principais conductores deste primeiro encontro.
O segundo evento está previsto para o 13 de xuño coa escritora estradense Susana Sanches Arins e o seu poemario “Arte Menor”, publicado pola editorial Central Folque, que recolle a experiencia dun grupo de mulleres que deciden asistir a clases de pandeireta e canto tradicional. Pechará o ciclo Támara Andrés, o 20 de xuño, coa súa obra “Eu son de Aquí e de Alá”, publicada pola editorial Galaxia, na que explora a figura alófona e migrante de Matilde Lloria. Con esta programación, a asociación busca consolidar este espazo de encontro e difusión da literatura galega, fomentar a lectura entre o público infantil e adulto, traballar en rede coa comunidade educativa e dar visibilidade ás voces femininas literarias contemporáneas. O evento terá lugar na Praza do Padrón, Combarro, Poio.
