Xornada ‘Imaxes en Reserva: os Arquivos Fotográficos dos Museos’ en Pontevedra
O Museo de Pontevedra acolle o próximo venres 27 de marzo a xornada titulada ‘Imaxes en Reserva: os Arquivos Fotográficos dos Museos’, un evento que ten como obxectivo reflexionar sobre o papel da fotografía nas institucións museísticas e reivindicar a súa importancia como parte fundamental do patrimonio cultural que estas entidades preservan e transmiten.
A xornada desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 18:00 h, e a entrada é libre. As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente enviando un correo a reservas.museo@depo.gal, e recibirán un certificado de asistencia. A inauguración do evento estará a cargo de Beatriz Sánchez Torija, responsable da fotografía histórica no Museo Nacional do Prado, quen abordará o papel da fotografía nesta institución e a súa transición de documento de arquivo a peza de colección. A continuación, Carolina Miguel Arroyo, directora do Museo Nacional do Romanticismo, explicará a relevancia da fotografía no seu museo, onde constitúe a parte máis extensa da súa colección. Tamén participará Carolina Pelaz Soto, da fototeca do Muséu del Pueblu d’Asturies, quen falará sobre a consolidación do arquivo fotográfico deste centro ao longo de máis de tres décadas de labor en conservación, documentación e dixitalización, así como en difusión do patrimonio fotográfico. A sesión matutina culminará cunha mesa de debate entre as participantes.
Na sesión de tarde, intervirá María Pilar Núñez Sánchez, directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia, quen se centrará no inventario e catalogación de amplas coleccións fotográficas, así como na súa dixitalización e dispoñibilidade para a cidadanía. Finalmente, as conservadoras do arquivo gráfico do Museo de Pontevedra tamén participarán; Cristina Echave Durán ofrecerá un percorrido sobre a evolución do arquivo desde a súa creación en 1927, mentres que Reis Camiña Castro se centrará en outros aspectos relevantes do mesmo.
