XIX Certame Galego de Bandas de Música en Pontevedra
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá os días 10 e 11 de outubro o XIX Certame Galego de Bandas de Música, unha cita que reunirá 17 formacións, sete delas procedentes de Portugal. A edición incorpora un novo modelo de participación baseado no concepto de concerto integral, con propostas artísticas concibidas como un conxunto.
O programa comezará o sábado 10 de outubro ás 11:00 horas coa sección Infantil, na que participarán Chikiband, a Filharmónica Xuvenil da Academia de Música da Fortaleza de Valença e a Banda Infantil da Escola de Música de Salvaterra. Ás 12:30 horas será a quenda da sección Xuvenil, coa Banda Xuvenil de Monção e a Banda Xuvenil de Figueiredo. A terceira sección comezará ás 17:00 horas e contará coa Banda de Música de Cerdedo, a Banda de Música Municipal de Agolada, a Banda Xuvenil de Barro, A Lira de Ribadavia e a Banda Xuvenil do Vale.
O certame está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, co patrocinio da Xunta, da Deputación de Pontevedra e do Concello de Pontevedra. A entrada é gratuíta ata completar o aforo de 655 persoas no Pazo da Cultura de Pontevedra. As actuacións tamén se poderán seguir en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Bandas de Música Populares.
