Representación de ‘O Meco. Unha lenda viva’ no Auditorio Municipal do Grove
O Auditorio Municipal do Grove será o escenario da ambiciosa representación de O Meco. Unha lenda viva, que terá lugar os días 15, 16 e 17 de maio. Esta produción está promovida pola Asociación Cultural Enxebre en colaboración coa Banda de Música do Grove. A obra busca revivir unha das lendas máis emblemáticas da memoria colectiva de O Grove: a figura do Meco, símbolo do abuso de poder e a resistencia popular.
A proposta baséase na histórica obra O señor feudal ou: Quen matou o Meco?, escrita por Francisco Franco Calvete e considerada unha das primeiras zarzuelas en galego. Esta nova adaptación xorde tras un profundo traballo de investigación histórica e revisión documental, recuperando a dimensión crítica e social da peza a través dunha posta en escena contemporánea. O espectáculo combina teatro, música en directo, recursos audiovisuais, iluminación dramática e unha escenografía transformable, ofrecendo unha experiencia única dentro do panorama cultural galego.
Un dos principais atractivos é a colaboración inédita entre o grupo de teatro Enxebre e a Banda de Música do Grove, con preto de 60 músicos actuando en directo. Ademais, a iniciativa inclúe unha programación paralela que explora a memoria cultural do Meco e a identidade de O Grove, destacando tamén unha perspectiva social e de xénero que reivindica o papel das mulleres do mar. A representación coincide coa celebración das Letras Galegas, reforzando o valor simbólico desta proposta que aposta polo teatro en galego, a recuperación patrimonial e a creación cultural comunitaria.
