Presentación do número 29 da revista «Cedofeita» en Lérez
A Asociación Sociocultural Cedofeita presenta o número 29 da súa revista anual na Casa da Cultura de Lérez, en Pontevedra. O acto reunirá varias persoas colaboradoras desta publicación dedicada á historia, á cultura e á sociedade de Lérez.
Intervirán Benigno Iglesias Manrique, Ángel Estévez Estévez e José M. Ramos González, autores de traballos sobre a emigración a Cuba dos Reisiños de Lérez, as raíces e a evolución da empresa AER e a lembranza da época na que Lérez foi berce de toureiros. A coordinación correrá a cargo de José L. Estévez Solla. A nova edición inclúe tamén artigos sobre as murallas castrexas, o hospital de lazarados da Virxe do Camiño, novas de Lérez do século XIX, Amado Carballo, a escola indiana de Santa Xusta —Moraña— e o grupo de ximnasia de Lérez, ademais das súas seccións habituais.
A presentación terá lugar o 25 de setembro de 2026, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Lérez, Pontevedra.
