Presentación de «Hijas de Lilith», de María Nieto, en Pontevedra
A libraría Cronopios de Pontevedra acolle a presentación de Hijas de Lilith, a segunda novela da escritora coruñesa María Nieto. No encontro participarán a autora e a xornalista Chus Gómez Dorrego.
Publicada por Versátil, a obra é unha fantasía escura de bruxas ambientada en Fene que explora os vínculos entre nais e fillas, a herdanza, os segredos familiares e aquilo que as mulleres aprenderon a manter oculto para sobrevivir. A historia comeza cando Amanda regresa á casa familiar tras a morte da súa nai e da súa avoa, unha muller coa que levaba décadas sen manter contacto. O que ía ser un breve regreso para resolver unha herdanza convértese no descubrimento dunha historia familiar moito máis antiga e escura do que imaxinaba.
Con elementos da mitoloxía e das lendas galegas, e unha mirada contemporánea sobre a figura da bruxa, María Nieto entrelaza maxia, memoria e xenealoxía feminina para falar de poder, medo e liberdade. A presentación terá lugar o xoves 8 de outubro de 2026, ás 19:00 horas, na libraría Cronopios, Pontevedra.
