Presentación da novela «Os tres nomes da Sartegua», de Alberto Mancebo en Pontevedra
O escritor Alberto Mancebo presenta a súa novela Os tres nomes da Sartegua o xoves 8 de outubro de 2026, ás 19:00 horas, na Libraría Paz de Pontevedra. O autor estará acompañado pola xornalista Ana Gayoso nun encontro arredor dunha historia luminosa e tenra sobre a amizade, o desarraigamento e o poder da cultura rural e das tradicións.
Publicada por Edicións Xerais, a novela segue a Elisardo, criado en Cadullo, unha parroquia do concello de Vimianzo coñecida por renderlle culto á Sartegua. Despois de anos afastado da vida do lugar, regresa para asistir a un enterro e, tras un matrimonio esfarelado e unha relación distante coa súa filla, decide arranxar a casa familiar e mudar de vida. Xunto con dous vellos amigos, deberá enfrontarse á culpa e aos segredos que agochan o río e os montes de Cadullo, mentres a cobiza e o medo converten o mito da Santa nunha ameaza.
Alberto Mancebo (Vimianzo, 1983) estudou Xornalismo en Santiago de Compostela e comezou a traballar na Televisión de Galicia en 2004. É presentador de informativos e tamén exerceu como correspondente internacional e enviado especial. Os tres nomes da Sartegua é a súa terceira novela publicada, despois de O que me quedaba por dicirche (2023) e Indolente (2024), obra coa que gañou o Premio Manuel Lueiro Rey.
