Obradoiro de lectura de poesía con Dores Tembrás en Pontevedra
A Deputación de Pontevedra pon en marcha o primeiro obradoiro de poesía enmarcado no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade. Esta acción, titulada Poetas coma faíscas. Ler a poesía que refulxe II, será impartida por Dores Tembrás, do proxecto literario Apiario, e terá lugar en catro sesións, todos os xoves do mes de abril, de 19:30 a 21:00 horas no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra.
O obradoiro conta cun aforo limitado de 25 prazas, e as inscricións poden realizarse a través do correo electrónico participa.igualdade@depo.es. Despois do éxito da primeira edición deste obradoiro, que se celebrou o ano pasado, ofrécese de novo un espazo de encontro coa poesía, ideal para quen desexe iniciarse ou descubrir novas lecturas de autoras clásicas e contemporáneas.
Durante as sesións, explorarase a produción literaria de autoras galegas contemporáneas como Eva Veiga, Pilar Pallarés, Emma Couceiro, Noelia Gómez, Sara Martínez, Marta Dacosta e Elvira Ribeiro Tobío, que estará presente na última sesión. O obxectivo do obradoiro é desafiar os prexuízos co xénero e afondar no fenómeno poético, analizando teorías que conecten con algunhas das obras máis relevantes das últimas décadas. Abordaranse conceptos como o silencio, a música do poema, o ritmo, o poder de suxestión, a evocación, o corte do verso e a imaxe, creando un espazo onde as persoas participantes tamén serán protagonistas a través das súas lecturas. O fío condutor será aquilo que brilla en cada unha das poéticas, permitindo destacar os motivos centrais, preocupacións e obsesións que configuran a singularidade de cada proposta.
