Fabio Rivas presenta en Pontevedra o seu libro ‘A inocencia dos insectos’
Fabio Rivas presenta en Pontevedra o seu libro A inocencia dos insectos este xoves, 22 de outubro de 2026, ás 19.00 horas, na Libraría Paz. No acto estará acompañado por Ramón Rozas.
Neste volume, o autor reúne unha colección de relatos premiados en diferentes certames, ademais dun entremés e mais un texto inédito que ve agora a luz, varios anos despois da publicación do seu primeiro libro. A inocencia dos insectos é o segundo libro de relatos de Fabio Rivas, tras a publicación de A pintura debida en 2023.
Fabio Rivas exerce na actualidade a docencia de Lingua Galega e Literatura na Educación Secundaria Obrigatoria e fai crítica literaria para Faro da Cultura. Tamén traballou como tradutor xunto a Inés Mosquera, levando por primeira vez ao galego obras de Cristina Sánchez-Andrade e Mircea Cărtărescu.
