Exposición “Emocións en lenzo” de Ana Mónica Oliveira en Marín
A partir do venres 26 de xuño, o Ateneo Santa Cecilia en Marín acolle a exposición Emocións en lenzo da artista Ana Mónica Oliveira. A entrada é de balde ata completar o aforo do local.
A traxectoria de Ana Mónica Oliveira no mundo da pintura comezou formalmente en 2018, aínda que o seu interese pola arte vén de moito tempo atrás. Desde sempre, sentiu unha forte atracción pola capacidade de expresión que ofrecen as cores e as formas, o que a levou a matricularse en clases particulares para desenvolver as súas habilidades. Desde entón, mantivo unha produción constante explorando diversas técnicas e estilos.
A súa gran paixón é o retrato, un xénero que lle permite capturar a esencia, as emocións e a personalidade de cada suxeito. Para Oliveira, a pintura segue sendo unha fonte inesgotable de aprendizaxe, inspiración e crecemento persoal. A exposición estará aberta ao público do 26 de xuño ao 10 de xullo e poderase visitar de luns a venres en horario de 18:00 a 20:30 horas.
