Benito Soto volve do alén no Pazo da Cultura de Pontevedra
O Auditorio do Pazo da Cultura acolle o sábado 31 de outubro de 2026, ás 20:30 horas, o espectáculo músico-teatral «Benito Soto volve do alén», da A.C. Gaiteiros «Os de Algures», que coincide coa Noite de Defuntos. A entrada é libre ata completar cabida.
Dende hai 15 anos a A.C. Gaiteiros «Os de Algures» deseña e representa un espectáculo músico-teatral na cidade con grande éxito de público. A proposta conta coa colaboración da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra, da Asociación de danza e teatro Cafuné (figuración), da Asociación Etnográfica Sete Espadelas (vestiario) e de Tarabelo Teatro (escenografía). Nesta ocasión, «Benito Soto volve do alén» conta a historia de como o célebre pirata pontevedrés regresa do Alén acompañado da súa tripulación do Burla Negra, coa intención de recuperar o seu fabuloso tesouro agochado nunha moi coñecida casa pontevedresa.
O que parecía unha misión sinxela convértese nunha sucesión de enredos, malentendidos e situacións disparatadas cando os piratas se atopan cos gaiteiros de «Os de Algures», os taberneiros da Moureira e a mismísima Santa Compaña. Entre cuncas de viño, negocios turbios, promesas incumpridas e ánimas con sede, vivos e mortos percorren algunhas das romarías máis tradicionais da contorna: a das Cabezas da Armenteira e a de San Brais, sen esquecer os remedios milagreiros de San Benitiño de Lérez.
A música de gaitas e a retranca galega acompañan esta aventura na que a cobiza, a picaresca e os costumes populares se mesturan nunha auténtica festa teatral que é tamén unha homenaxe á memoria popular de Pontevedra, ao seu patrimonio e ás súas tradicións.
