O Son da Gaita 2026 no Pazo Besada de Poio
O Son da Gaita celebra a súa sétima edición o domingo 25 de outubro de 2026 no Pazo Besada de Poio, cunha xornada dedicada á difusión e posta en valor da música tradicional galega. Organizado pola Asociación Cultural Pai da Cana, o evento reunirá gaiteiros, artesáns, investigadores e autores de publicacións especializadas. A programación comezará ás 10.30 horas.
Unha das novidades será a primeira entrega do galardón O Son da Gaita a Antón Corral, gaiteiro e artesán coruñés recoñecido pola súa contribución á construción de gaitas e á formación de novas xeracións de artesáns. O programa incluirá as actuacións de Os Xirifeiros, Os Erdeiros dos Morenos e Suevia Tradicional; o relatorio de Xaime Estévez Vila, Dende A gaita no eido da música ata o Cancioneiro galego da frauta; e a presentación da colección Pezas guapas para gaita, para zanfona e acordeón, a cargo de Xosé Manuel Fernández Costas.
A xornada continuará coa participación dos artesáns José Manuel Salvado, de Sanín Percusión Tradicional, e Lis Latas, do Obradoiro de Gaitas Lis, ademais das actuacións dos solistas José Manuel López, Josele, César Martínez, María López, Alberto Lago e Diego Mariño. O programa rematará ás 15.00 horas cun xantar-foliada no restaurante Casa Laura, en Campelo, coa participación de Érbedo e Tríade.
