Enreguéifate: obradoiro de regueifa para profesorado en Pontevedra
Enreguéifate inaugura a súa décima edición cun obradoiro dirixido ao profesorado que queira descubrir o valor da regueifa como ferramenta didáctica. A sesión terá lugar o venres 23 de outubro de 2026, de 16:30 a 20:30 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A través da improvisación oral, as persoas participantes explorarán estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas, promovendo tamén valores como a diversidade, a cooperación, a integración e o feminismo. O obradoiro estará conducido por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende, que achegarán recursos para traballar a regueifa na aula e darán a coñecer o proxecto Enreguéifate, que celebra dez anos de traxectoria.
A formación require inscrición previa a través do formulario habilitado. O prazo permanecerá aberto ata o martes 20 de outubro e hai 45 prazas dispoñibles. No caso de recibirse máis solicitudes ca prazas ofertadas, terá preferencia o profesorado dos concellos participantes e dos niveis educativos aos que se dirixe o proxecto: 5.º e 6.º de educación primaria e educación secundaria obrigatoria (ESO).
