SaudableMente: xornada sobre saúde mental en Pontevedra
SaudableMente é unha xornada sobre saúde mental que se celebrará o 16 de outubro de 2026 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Organizada por oito entidades sociais e sociosanitarias co patrocinio do Concello de Pontevedra, a iniciativa busca visibilizar a saúde mental, combater o estigma e reivindicar máis recursos e atención para as persoas afectadas e as súas familias.
O programa comezará ás 11:00 horas coa inauguración e continuará, de 11:10 a 13:00 horas, cunha mesa redonda aberta a preguntas sobre saúde mental individual e comunitaria, ciencia, medicina e inclusión. Participarán Víctor Pedreira, psiquiatra; Carlos Spuch Calvar, neurólogo; Mónica Santos, psicóloga, e Rafael Rodríguez, traballador social.
Pola tarde, de 18:00 a 20:00 horas, o teatro e a música serán protagonistas con Miradas e cores, teatro espontáneo, Enfermo imaxinario, do Centro Méndez Núñez, a performance Unha mirada, da Asociación Cultural Mulleres do Rural de Soutomaior, e o Coro Intercultural de Boa Vida. A xornada está impulsada por Inzar, Afapo, Boa Vida, Centro Méndez Núñez, Asociación Mulleres do Rural de Soutomaior, IGP- Instituto Galego de Psicoterapia e Asociación TEAyudo de pais e familias Autismo Pontevedra.
