Representación de ‘O proceso’ en Caldas de Reis
A Deputación de Pontevedra trae o circuíto +Escénicas ao municipio de Caldas de Reis da man da compañía de teatro Malasombra, que representará a obra O proceso. Esta representación terá lugar o domingo 22 de marzo no Auditorio Municipal ás 19:00 horas.
O proceso é un espectáculo dirixido a un público adulto, escrito por Cándido Pazó, que recrea unha denuncia histórica de 1880 contra Curros Enríquez por parte do bispo de Ourense debido a certos poemas do seu libro Aires da miña terra. A partir destes feitos históricos, constrúese unha peza que, cun ton de sainete cómico, aborda de forma fresca e desenfadada, pero con rigor e reflexión, cuestións actuais como o “lawfare”, así como outros temas relevantes como a lingua, a cultura e a identidade.
