Presentación do poemario ‘Somos’ de Luís Valle en Pontevedra
A Libraría Paz de Pontevedra será o escenario o mércores 28 de abril, ás 19:00 horas, da presentación de Somos (Xerais), a obra máis recente do poeta lucense Luís Valle. O evento contará cun diálogo sobre a obra e un recital poético, no que participarán o propio autor e o escritor Samuel Merino.
Somos preséntase como un extenso poema de máis de setecentos versos, desenvolvido como unha continua sucesión de imaxes, voces e contextos. Esta obra, de carácter alegórico e experimental, busca, en palabras do autor, “a rítmica dun discurso social”, propoñendo unha exploración e cuestionamento da identidade colectiva a través da linguaxe poética. O libro constrúe un fluxo verbal onde o “somos” actúa como un eixo reiterativo e expansivo, articulando unha polifonía que mestura historia, memoria, política e experiencia íntima. Lonxe dunha lectura lineal, convida á inmersión sensorial e a escoitar o ritmo como vía principal de acceso ao texto.
Este título intégrase nunha traxectoria literaria de case tres décadas. No eido lírico, Valle publicou dezaoito poemarios en quince volumes, entre os que destacan A caída (2009), Fedor (2011), As cicatrices do sol (2015), Óstraka (2019), Alianza (2022), As asuras (2023), Insomnia (2025) e o propio Somos (2025). O seu traballo foi recoñecido con premios como o Afundación, o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Manuel Lueiro Rey, e este ano é un dos tres finalistas dos Premios Follas Novas ao mellor libro de poesía por Insomnia.
Luís Valle, nado en Lugo en 1977, é poeta, humanista e consultor cultural, con formación de posgrao en dirección de empresas, patrimonio histórico, políticas culturais, filoloxía e didáctica. Ao longo de máis de vinte e cinco anos de traxectoria profesional, traballou en administracións públicas, universidades, arquivos e museos, ademais de coordinar proxectos culturais, educativos e turísticos tanto en Galicia como en diversos países de Europa, África, Asia e América.
