Presentación do libro ‘O imperialismo no século XXI’, de Duarte Correa en Caldas de Reis
O Concello de Caldas de Reis organizou a presentación do libro ‘O imperialismo no século XXI’, escrito por Duarte Correa. Este evento terá lugar o venres 10 de abril, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Caldas de Reis. A presentación contará coa presenza do autor e do tenente de alcalde e responsable de Cultura, Manuel Fariña.
O libro, de grande actualidade, busca iluminar a política internacional a través dunha reflexión sobre a economía global, as súas bases e consecuencias. Analiza as orixes das guerras, xenocidios e conflitos actuais en lugares como Irán, Palestina, Ucraína, Venezuela e Cuba. ‘O imperialismo no século XXI’ estudia o papel da OTAN como “instrumento dos Estados Unidos” para manter a súa hexemonía en declive, a autonomía estratéxica da Unión Europea e o aumento do gasto militar, desvelando as “verdadeiras intencións” detrás dos discursos actuais. Ademais, o autor desmonta mitos e presenta “outras realidades pouco visibilizadas”, onde varios países optan por alianzas baseadas no diálogo e na cooperación en vez da imposición, defendendo que a alternativa ao imperialismo reside na defensa da soberanía dos pobos.
Duarte Correa Piñeiro, autor do libro, é profesor de Ensino Secundario no IES Ramón Cabanillas de Cambados. Con ampla traxectoria na análise internacional, é autor e coautor de diversas publicacións sobre xeopolítica e a loita pola soberanía dos pobos, ademais de colaborar en medios galegos e internacionais e participar en seminarios en Europa e América Latina.
