Presentación da novela “O pazo das marismas” por Alberte Blanco en Pontevedra
O escritor Alberte Blanco presentará a súa novela O pazo das marismas o próximo xoves 7 de maio ás 20:00 horas na Casa da Luz de Pontevedra. Este evento está organizado pola Asociación Maiolongo e contará coa presenza do director de Xerais, Fran Alonso.
A novela O pazo das marismas sitúase na época da Primeira Guerra Mundial, onde os señores do Pazo das Marismas enfrontan conflitos xeracionais e protestas obreiras. A medida que se desenvolven unha serie de ataques violentos e asasinatos, revelanse conexións entre crimes locais e plans militares secretos. O pazo, situado no fondo da Ría de Vigo, convértese nun escenario de conspiracións e espionaxe internacional entre alemáns e británicos, cos intereses das grandes potencias sempre presentes. Cun estilo áxil e cinematográfico, a novela combina a intriga do thriller con elementos históricos e crítica social, formando un relato coral cheo de segredos e ambicións.
Alberte Blanco Casal (Cobres-Vilaboa, 1951) é escritor, enxeñeiro e profesor xubilado de ensino secundario. Colabora coa revista Grial e coa publicación periódica do Fórum Galaico Transmontano de Chaves (Portugal). Foi columnista do xornal Nós Diario ata xaneiro de 2024 e continúa como colaborador. Como Director Xeral de Montes, participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia (2006). En 2015, publicou a obra de investigación O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense, e en 2019, Memorias da brétema, un libro de investigación histórica, crónicas e memorias de infancia e adolescencia.
