Home Axenda - enPontevedra Cine Fin de semana Faladoiro: O papel das mulleres no mundo do viño en Pontevedra
Coloquio: El papel de las mujeres en el mundo del vino en Pontevedra

Faladoiro: O papel das mulleres no mundo do viño en Pontevedra

Ribadumia acollerá un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar historias de mulleres que adoitan quedar no esquecemento. Nesta ocasión, as protagonistas serán as mulleres do mundo do viño. As persoas asistentes terán a oportunidade de coñecer o seu papel da man de Anónimas Viticultoras, que estarán acompañadas pola deputada de Igualdade, Paula Bouzós, e o alcalde de Ribadumia, David Castro. O evento celebrarase o venres 19 de xuño no Auditorio de Ribadumia, ás 19:30 horas. A entrada é libre e aberta ao público en xeral.

No faladoiro de Aquí Faltan Páxinas analizarase, coa colaboración de Anónimas Viticultoras, galardoadas co Premio Isabel Mijares ao mellor novo proxecto na Barcelona Wine Week, a traxectoria das mulleres no eido vitivinícola e como van gañando recoñecemento neste sector. Historicamente, elas encargábanse do coidado das viñas, da vendima, do pisado e da conservación, transmitindo coñecementos de xeración en xeración. Co tempo, moitas asumiron a xestión das adegas, especialmente cando os homes emigraban. Nos últimos anos, a súa presenza profesionalizouse e diversificouse, destacando como enólogas, sommeliers, comercializadoras e responsables de innovación, ademais de liderar proxectos premiados na Denominación de Orixe Rías Baixas.

Tras os faladoiros xa realizados sobre alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas, Matilde Vázquez, Rita Fernández Queimadelos e Corona González, este evento centrado nas mulleres do viño dará paso a outros que narrarán as historias da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.

Onde

Auditorio de Ribadumia
Rúa Párroco Valiñas, 16, 36636 Ribadumia, Pontevedra

Cando

O 19 de Xuño ás 19:30

Scroll ao inicio