Concerto de Teucro Trío nas Noites de Música Antiga de Pontevedra
A décimo sexta edición do ciclo Noites de Música Antiga pecharase o xoves 30 de xullo cun concerto de Teucro Trío. A actuación, que comezará ás 19:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, ten entrada libre ata completar aforo.
Teucro Trío está formado por Sergio Heredia no violín barroco, Fernando Reyes na guitarra barroca e tiorba, e Arquímedes Artal na viola de gamba. Nas Noites de Música Antiga, presentan o programa Unha viaxe pola Europa do Barroco, que nos achega a mediados do século XVII, un momento no que a música instrumental comeza a independizarse dos modelos vocais da polifonía medieval.
O repertorio destaca a sonata en trío como o xénero máis influente, unha forma que se enriquece co concerto cara a finais do século. O programa inclúe obras de recoñecidos especialistas na sonata en trío, como os italianos Marco Uccelini e Francesco M. Veracini, xunto a composicións de Santiago de Murcia, Andrea Falconiero, Dietrich Buxtehude e Jacques Morel.
