Jandross presenta o seu espectáculo de danza “A noite do cuco” en Vilagarcía
Vilagarcía de Arousa celebra o Día Internacional da Danza cun espectáculo protagonizado polo artista local Jandross. Este sábado 25 de abril, o Salón García acollerá a presentación do seu proxecto “A noite do cuco”, dentro da iniciativa Son da Casa. O evento comezará ás 20:30 horas e a entrada é gratuíta ata completar aforo.
Jandross, nado en Vilagarcía no ano 2000, iniciou a súa carreira profesional aos 18 anos, participando en diversos proxectos audiovisuais para artistas galegos emerxentes e en musicais como Cats. Durante os últimos tres anos, xirou como bailarín con Mondra e recentemente comezou a crear con “A noite do cuco”. Esta obra en proceso utiliza a danza e a expresión corporal para reflexionar sobre o dó e as tradicións asociadas na actualidade.
O programa Son da Casa, promovido polo Concello de Vilagarcía, ofrece unha plataforma para que os creadores, músicos e artistas locais se dean a coñecer e promocionen o seu traballo. Ao mesmo tempo, amplía a oferta de ocio e cultura da cidade, destacando propostas totalmente locais e o valor do “feito en Vilagarcía”.
