Cineclube Pontevedra: ‘A savana e a montanha’, de Paulo Carneiro
O Cineclube Pontevedra dedica a súa programación de febreiro de 2026 a tres figuras fundamentais do cinema contemporáneo e moderno: Jean-Luc Godard, Richard Linklater e Paulo Carneiro. Este ciclo de cine terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra e propón unha viaxe pola historia da nouvelle vague e polo cinema comprometido co territorio, a través de tres proxeccións programadas para os martes 3, 10 e 24, sempre ás 20:30 horas.
A programación pecharase o martes 24 de febreiro coa proxección de A savana e a montanha (2024), do cineasta portugués Paulo Carneiro. Este documental híbrido aborda a resistencia da veciñanza de Covas do Barroso fronte ao proxecto dunha mina de litio a ceo aberto promovida pola empresa británica Savannah Resources. A través dunha posta en escena que combina realidade, música e ficción, o filme reflicte a loita colectiva pola defensa do territorio e da identidade cultural. A obra participou na Quincena de Realizadores de Cannes 2024 e foi distinguida co Premio Tiempo de Historia na Seminci.
